O Coro Agarimos da Terra é un grupo folk a
modo de Coro Galego Tradicional, integrado na asociación sen ánimo de lucro do
mesmo nome. Sen fuxir da innovación o grupo bebe no traballo feito polos Coros
Tradicionais Galegos de principios do século XX especificamente da histórica
agrupación “Agarimos da Terra” fundada no Balneario de Mondariz en 1916, no
marco do movemento das “Irmandades da Fala”, de reivindicación da identidade
galega e do idioma propio de Galicia.
Logo dunha longa paréntese cuxo arranque debe situarse no inicio da guerra civil
española, a actual etapa arranca no inverno de 2015 cando un grupo de persoas
veciñas de Mondariz e M. Balneario decidiron crear un coro galego tradicional que,
recuperando a memoria histórica de
Mondariz adoptou o nome de Agarimos da
Terra. O coro dirixido nesta andaina polo músico profesional Manuel Carballo Pastoriza, presentouse
publicamente o 24 de abril de 2016 no auditorio do Balneario de Mondariz.
Desde aquela mantén a súa actividade musical
con ensaios semanais e desenvolvendo múltiples actuacións públicas entre as que
cabe destacar: Festival Intercéltico-2016 (Moaña). Certame de coros
tradicionais “Coralimia-2016” (Xinzo de Limia), Festival “Ponte a
Portugal-2017” na semana da cultura Galego Portuguesa (Ponteareas). Auditorio
do centro cultural de Xinzo (Ponteareas) 2018,
ou as organizadas pola propia agrupación
baixo a denominación xenérica de
“Cantares de Outono” ou os “Ensaios Abertos”.
Agarimos da Terra combina ritmos tradicionais
con outros totalmente anovadores, contando cun amplo repertorio de cantigas
galegas tradicionais, Foliadas, Muiñeiras, Iotas, Pasodobres, Pandeiradas,
Rumbas etc.
O coro conta con máis de trinta voces de
mulleres e homes ordenados en catro cordas, así como cun cuarteto instrumental
tradicional con gaitas, frautas e percusión(bombo, tamboril e pandeireta).
Agarimos da Terra conformouse ademais en
Asociación Cultural na primavera de
2017, e como tal ten entre os seus obxectivos a recuperación da música da época
da formación orixinal. Nesa liña de traballo leva meses tentando recuperar
documentación, textos, partituras e imaxes, que permitan arroxar luz e achegar
aos nosos días a música que facía este coro a principios do século pasado, “...caracterizada por su limpia
afinación...” tal e como escribiu, José Luis Calle no seu libro dedicado a
Aires da Terra, primeiro coro galego tradicional, fundado polo musicólogo
Pontevedrés Perfecto Feijoo, que debeu ter moito que ver coa fundación
posterior de Agarimos da Terra.
Comentarios
Publicar un comentario